- Este evento ha pasado.
Polas Bravas 2024 (Chantada, Lugo)
08/05/2024 / 8:00 AM – 5:00 PM

Chega a Chantada a segunda edición do festival Polas Bravas
. O primeiro festival feminista da provincia de Lugo desenvolverase os días 24 e 25 de maio en diversos espazos da vila
. O Polas Bravas contou con notable éxito na súa edición de 2023
Chantada, 7 de maio de 2024.- A Asociación feminista de Chantada ‘Polamiúda’ celebrará este mes de maio, por segundo ano consecutivo, o seu festival cultural Polas Bravas, un evento gratuíto de proxección de arte e creación multidisciplinar que ofrece á veciñanza da vila e da contorna propostas culturais vangardistas feitas por mulleres bravas galegas. O Polas Bravas terá lugar os días 24 e 25 de maio en diversas localizacións do concello lugués.
A programación de Polas Bravas abrangue un amplo espectro de actividades: dende a música de Caamaño&Ameixeiras ata o circo de Pistacatro, pasando polo teatro da compañía Chévere, entre moitas outras propostas que empaparán de feminismo e cultura o concello lugués da Ribeira Sacra.
O festival é de balde e conta coa colaboración do concello de Chantada, a Deputación de Lugo e o tecido empresarial e o pequeno comercio local.
Programa do venres
O programa do festival dará comezo na noite do venres 24, ás 22.00 na terraza do establecemento AdaRosa, coa actuación de As Blas Femias, un grupo de música local composto polas voces das ‘polamiúdas’ Carmen, María e Elena, con André e Marcos á guitarra, teclado e percusión.
A continuación, ás 23.00 horas, o público poderá deleitarse nese mesmo espazo cun monólogo cómico de Diana Sieira, que leva enriba das táboas dende 2005 e que a Chantada trae ‘Conexións Có(s)micas’, un espectáculo que dende o absurdo e o inesperado fía premisas que non se conectarían en ningún outro cerebro. Diana foi finalista en 2013 do concurso de monólogos La Tuerka e forma parte do dúo ‘Niñas de la Risa’ xunto con Ángela Triana.
O primeiro día do festival rematará coa sesión da DJ pontevedresa Beti de la Church, que collerá o timón da mesa de misturas a partir das 00.00 horas pinchando creacións musicais de mulleres.
Programa do sábado
Xa o sábado 25, o Polas Bravas arrancará con circo ao aire libre, no parque Eloísa Rivadulla (Parque dos Pendellos) ás 12.30, coa obra ‘A vida tola de Pajarito’. Pajarito é unha das paiasas con máis traxectoria e máis recoñecidas do Estado que chega da man de Pistacatro, a compañia de circo máis relevante das artes vivas de Galicia. O festival continuará ás 13.30 horas coa actuación do Coro de veciñas bravas, sen dúbida unha das propostas máis emocionantes da xornada que estará dirixida por María Montenegro.
A música de Bratzantifa, o dúo composto por Lucía e Marina que ten gañado un sitio de honra no Polas Bravas logo da magnífica e vibrante actuación na primeira edición, amenizará a sesión vermú (con bar e posto de comidas) a partir das 14.00 horas, e xa ás 15.00 será a quenda de Andrea Nunes & Gael cunha sesión de poesía e música. Andrea Nunes é unha activista transfeminista pola diversidade sexual e corporal autora de poemarios Corrente de esquecemento ou Esta disidencia que habitamos, que nesta ocasión vén acompañada da música de Gael, mamífero bípede de sexo-xénero indefinido (trans), orixinario do sur da Península Ibérica.
A música de Marián, artista emerxente que deu o salto como profesora de canto á composición e que traerá nunha proposta acústica especial para o Festival , será a que amenice as primeiras horas da tarde, a partir das 16.00 horas. Será ela quen convide a achegarse ás 18.00 horas ao Auditorio Municipal para asistir á actuación da recoñecida compañía teatral Chévere coa súa peza ‘As fillas bravas e o mito de Cassandra’. A función, nun compromiso claro de Chévere e do Polas Bravas pola cultura inclusiva, contará con interpretación en Lingua de Signos. Contarase ademais cun servizo de animación e coidados para crianzas durante toda a representación no propio Auditorio.
De volta ao Parque, será a música a protagonista. A partir das 20.00 horas o público deleitarase con Bandidas, un ensemble de vento madeira que xorde expresamente para o Polas Bravas do interese e o amor pola música das mulleres da Banda de Música de Chantada; pretende ser un proxecto vertebrador e visibilizador do papel das mulleres na música, que lles foi vetado durante séculos e ata hai tempos ben recentes.
A cantante hiphopeira parte do colectivo Yimi You Rek, Nadie González, será quen ás 20.45 horas faga vibrar ao público coas súas letras reivindicativas e preparalo para a actuación do dúo Caamaño&Ameixeiras, que fixeron un oco na súa axitada xira para actuar en Chantada ás 21.45 horas. Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) forman este un dúo galego ligado á música e ao baile de raíz que van colleitando títulos dende que comezaron a súa carreira.
A noite continuará coa música, a partir das 23.15, de O Rabelo e Nenaza, cunha proposta que non deixará a ninguén indiferente. O Rabelo mestura a música tradicional galega con xéneros coma o reguetón ou o tekno para convidar a xente a bailar, explorando a marxinalidade e o normativo a través das artes escénicas. Acompáñaa Nenaza, unha artista drag galega que reivindica a feminidade a través do imaxinario da mitoloxía galega.
O broche final porao a partir das 00.30 horas Emedj, unha das Dj máis recoñecidas no Estado e mesmo a nivel internacional, que traballou a carón de referentes do panorama musical internacional (Guetta, Arcade Fire, Zahara…) e transitou o mundo da creación e da produción para traspasalo ata a divulgación, a escrita e o ensino.
Asociación Polamiúda
La Circular no se hace responsable de cambio de horarios o de eventos, es un calendario informativo. Consulten la web del evento o la organización que se indica.
Envíanos información sobre tu evento a info@lacircular.es